No medio dos cines

“É unha noble misión rescatar do esquecemento a aqueles que  merecen ser recordados”. Plinio o Xoven

Hoxe, póñome como todos os días a ver o xornal, no medio da tristura que afoga estes días a tantas familias: galegas, doutras zonas do estado e outros países, unidas por esa dór común, causada pola desaparición violenta de moitas persoas a raíz do tráxico accidente dese tren Madrid-Ferrol que circula desde hai máis de cen anos e tantas alegrías tennos dado aos ferroláns ao longo da súa existencia, cando un mesmo, un parente, a moza ou mozo ía ou viña da capital e despedíamos ou recibíamos cun abrazo na estación de Ferrol.

 Volto á frase de Plinio porque no medio desa pena colectiva que vexo impresa atopo outra noticia que tamén moveu a miña sensibilidade, xa desperta, como é a desaparición dun bo amigo, que non hai moitos días tiña o placer de falar con él, na residencia de maiores de Laraxe, sobre os cines de Ferrol e outros recordos comúns, ben do traballo na Bazán ou das nosas traxectorias, Ricardo Pena como pintor e acurelista excelente, eu simplemente como xestor cultural no Ateneo Ferrolán. Ricardo, para tí van estes recordos mesturados e liados entre a realidade actual que se xunta coa túa e coa miña que hoxe perde un cacho de seu.

No medio de tantas noticias e pareceres, díxomes e procura de culpabilidades a mín venme á cabeza que bon é o control da tecnoloxía que nos fai disfrutar cada día de mellores medios e comodidades nesta sociedade de hoxe. Máis, tamén esas ventaxas trannos as súas cotas obrigadas de peaxe  que de cando en vez temos que pagar, deixando a un lado os fallos motivados por erros humanos que desgraciadamente ocorren e non podemos decir que son inevitables aínda que sempre que ocorren escoitamos “se dixera”, “se fixera”… A cousa é que cando veñen, a taxa soe ser moi desmesurada.

Por aquelo de seguir polo rail, a memoria dos mortos que hoxe estamos a sufrir en Galicia, polo accidente do tren, venme a imaxe dos accidentes por choque de trenes ocurrido na India en 1984, onde morreron centos de persoas.

Podemos mudalo transporte terrestre polo aéreo, e vexo outras imaxes tan terribles como as de agosto de 1973 do avión Madrid-Coruña que non chegou a Alvedro. En Montrove  quedaron perto dun cento de persoas, ou seguíndo no avión lembramos a traxedia da colisión nos Rodeos, en Tenerife, de dúas naves aéreas, en marzo do 1977 onde morreron 583 personas.

Decembro de 1987, as Filipinas, a traxedia veu polo mar, un ferry de pasaxeiros atestado de xente, afundíu logo de chocar contra un petrolero en poucos minutos, sin que os 1565 pasaxeiros que levaba tiveran  tempo para lanzalos botes salvavidas.

Esto sen deixar de lado o accidente da planta nuclear de Chernobyl en abril de 1985, cos mortos a consecuencia directa da explosión por queimaduras ou da radiación que sufriron centos de miles de habitantes da zona. A día de hoxe non existen traballos concluíntes sobre a incidencia real deste accidente na mortalidade da poboación.

Remato cun pensamento, en voz alta. Dos accidentes non imos a estar libres, e cada vez menos, porque aínda que teñamos  un meirande control da tecnoloxía tamén somos humanos e cada erro que teñamos vai en progresión xeométrica no senso que, as consecuencias dos mesmos, polas nosas accións desgraciadamente terán una maior repercusión. Teñamos coidado.

Deixar un comentario